O CONCELLO E A XUNTA INSTALARÁN 34 BANCOS PÚBLICOS
Este foi o compromiso asumido esta semana pola conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o alcalde, Antonio Rodríguez, a través da sinatura dun convenio no que fixaron os termos da súa colaboración técnica e económica para levar a cabo esta obra.
A intervención consistirá no subministro e instalación dun total de 34 bancos de madeira tratada contra a couza, termitas e insectos en 28 aldeas do concello: Gabín, Os Abeledos, Cacharrequille, Vigueira de Arriba, Mazaira, Valdarias, Touzal, A Mogaínza, Paredes, As Corraínzas, O Regueiro, O Outeiro, Os Pereiros, Valderrique, Santiago da Medorra, A Graña, San Fitoiro, Vigueira de Abaixo, Ferrón, A Retorta, Moás, Vila Pequena, Veducedo, Cascarballo, A Xestosa, A Mioteira, A Reguenga e Vilariño Pequeno.
Tal e como sinalou o alcalde, con esta actuación búscase elevar o actual nivel de servizos á disposición da veciñanza de Montederramo co fin de promover o seu benestar e incrementar o atractivo e a humanización dos referidos núcleos e da praza do concello.
Na mesma liña, Ángeles Vázquez enmarcou a participación da Xunta no proxecto no seu compromiso á hora de brindar apoio económico ás entidades locais para promover actuacións que, como esta, contribúen a dinamizar as vilas galegas e mellorar a calidade de vida dos cidadáns reforzando os equipamentos públicos.
Cun investimento comprometido no convenio de 38.015,94 euros —que achegará nun 70% o departamento autonómico e nun 30% o Goberno municipal—, cómpre lembrar, ademais, que esta intervención se enmarca no chamado plan Hurbe específico para a Ribeira Sacra. Trátase dunha das 10 medidas incluídas dentro do Plan de acción estratéxico para esta zona que aprobou en 2019 a Consellería co fin de impulsar actuacións por 4,5 millóns de euros para mellorar a súa planificación e protección a nivel paisaxístico, urbanístico e ambiental.