ROTEIRO DO BIDUEIRAL
A “Ruta do Bidueiral” pódese considerar hoxe, coma unha das andainas máis fermosas de toda a nosa xeografía galega. Iniciamos o percorrido en Montederramo e dirixímonos á cara norte da mítica Serra de San Mamede. Despois de 8,9 Km chegamos á encrucillada do “Campo do Casar”, punto a partir do cal o sendeiro adéntrase no espacio natural “Bidueiral de Montederramo”. Situado entre a Ribeira Sacra e o Macizo Central de Queixa-Manzaneda, atópase este inigualable conxunto boscoso, cuia importancia ecolóxica determinou a súa integración na Rede Natura 2000.
Un fermoso paseo de 9,4 Km permite ó sendeirista atravesar unha das máis espectaculares “fragas” de Galicia, a cal alberga relevantes mostras de especies autóctonas (bidueiros, carballos, acivros, abeleiras, cancereixos, piñeiros silvestres, arandeiras,…etc.) e unha variada fauna (corzos, xavaríns, lebres, perdices, gabiáns, aguias, azores, mouchos, bufos,…etc).
Admirar as diferentes tonalidades das árbores, dependendo da estación do ano, convértese nunha experiencia inigualable.