ROTEIRO DO SANTO
A chamada “Ruta do Santo” segue o camiño que o eremita San Mamede percorría para achegarse dende a súa ermida, no alto da Serra que leva o seu nome, ata o Mosteiro Cisterciense de Montederramo, comunidade monacal a que pertencía. Este camiño so o realizaba unha vez no ano, concretamente o día 15 de Agosto, data na que a comunidade monacal celebraba a súa patroa. O resto do ano, eran os propios monxes da abadía os que se achegaban, en pequenos grupos, á ermida para levar a cabo xornadas de meditación e retiro espiritual.
O sendeiro, que ten o seu inicio diante do Mosteiro de Sta María de Montederramo, vai ascendendo gradualmente, atravesando fermosos pobos coma Vilanova e Fontedoso, ata deixarnos os pes dun duro ascenso que remata no cumio da serra. Este esforzo final vese recompensado polas fermosas vistas que dende alí se poden ollar, a carón da ermida.
O camiño de volta descende pola cara oposta da serra ata o “Pluviómetro”, adentrándose na “Ruta do Bidueiral” ata o “Campo do Casar”. Dende alí achéganos ata a igrexa de San Cosme, moi preto de Montederramo.